“A vida en palabras” por Sabela Muñiz.

By 19 mayo, 2015Blog

En este blog compartimos reflexiones de todos los que forman parte de nuestra comunidad.

Hoy es el turno de nuestra coworker y escritora Sabela Muñiz.

A Vida en Palabras

O ser humano é un animal sociable por natureza. Precisa relacionarse con outras persoas, sentirse arroupado, comunicarse, compartir emocións e experiencias e percibir que forma parte dunha Comunidade, que non está só ante a inmensidade da vida e da súa existencia.

Antes da aparición da escritura, almacenábase na memoria colectiva e individual gran variedade de información mediante narracións contadas de boca en boca. Diferentes figuras foron as encargadas de recordar os sucesos do pasado. Poetas que mesturaban a mitoloxía con feitos históricos. Bardos que deambulaban levando consigo historias, lendas, poemas e novas, facendo de embaixadores entre pobos. Trobadores que cantaban as proezas dos reis e dos valentes cabaleiros, así coma épicas e románticas relacións de amor. Artistas que compoñían e recitaban sobre aspectos políticos, literarios ou morais.

Todos temos na mente a imaxe dos avós compartindo o saber adquirido ó longo dos anos. A voz da experiencia, experta en consellos, refráns, lendas e tradicións cós seus avós lles transmitiron  a eles de cativos. Historias das que se descoñece a orixe pero que nos negamos a esquecer.

Os tempos cambian, as sociedades evolucionan, mais os sentimentos prevalecen. Por iso, as persoas encargadas de transmitir os sucesos do pasado de xeito oral ou os Contacontos seguirán reunindo xente ó carón dunha boa historia.

Creamos historias para compartir os nosos sentimentos e inquedanzas. Transformamos en palabras todo aquilo que percibimos ó noso redor. Coa invención da escritura conseguimos que perdurasen máis alá do tempo e da distancia e que chegasen a un maior público.

Os Audiorrelatos son un xeito de devolverlle a vida ás nosas historias a través dunha narración gráfica que reflicte a mensaxe da narración. Un apoio visual que nos somerxe nos sucesos do relato e que transmite máis sensacións das que poden aportar as simples palabras.

Mais as nosas historias non sempre teñen porque falar de reis, heroes ou grandes historias de amor. Proezas fantásticas ou imaxinarias, aventuras incribles e acontecementos históricos. A vida de moitos sería merecedora de quedar eternizada nas páxinas dun libro. Persoas que son libros proporciona a oportunidade a xente común e á vez persoas extraordinarias de compartir o seu día a día cós demais, de facelos partícipes da súa peculiar historia. Historias de superación, vidas que serven de exemplo, motivación ou inspiración. Experiencias enriquecedoras de xente que ante as adversidades optou por loitar e que conseguiu atopar unha estratexia para saír vitorioso nesa dura batalla que é a vida.

Ultimamente, semella que está de moda a literatura gastronómica, relatos que teñen o mundo da arte culinaria coma parte central sobre a que artellar a historia. Mais en numerosas obras literarias de calquera época podemos atopar algunha referencia á comida, seguramente, por todas as sensacións que podemos experimentar grazas ós diferentes sabores, aromas e texturas, ou pola gran variedade de actividades que nos reúnen entorno a un prato. Incluso, moitas receitas poderían chegar a considerarse verdadeiras obras literarias. Pero máis alá de calquera moda, a comida é un elemento importante na literatura porque tamén o é nas nosas vidas. E que busca a literatura senón ser reflexo das nosas circunstancias e da nosa vida? 

Mais coma din que a escritura naceu pola necesidade do ser humano de deixar pegada da súa existencia, dos seus pensamentos e sentimentos, O muro dos desexos dános a oportunidade de compartir desexos, anhelos, motivacións ou aspiracións coas que buscamos darlle sentido á nosa vida. É un xeito de comprobar que hai máis cousas que nos unen cás que nos dividen. En moitas ocasións, sentímonos pequenos, insignificantes ante o inmensurable de todo o que nos rodea. Observar os soños e inquedanzas dos demais fai que nos identifiquemos con eles e que nos sintamos parte do conxunto, que non estamos sos.

Por iso, A vida en palabras tan só é unha escusa, unha oportunidade, a ocasión para transformar as nosas vidas en palabras; crear un ambiente no que poder intercambiar e compartir emocións ou experiencias; recordar a nosa verdadeira natureza; e sentirnos parte dunha gran Comunidade.

Leave a Reply